Exposición «Haters&Lovers, e ti de que ves sendo?»

Sep 14, 2026 | Haters&Lovers

A exposición «Haters&Lovers, e ti que ves sendo?», un proxecto artístico e social que utiliza a fotografía como ferramenta de sensibilización e prevención da violencia entre iguais, poderá visitarse do 8 ao 21 de setembro no Centro Comercial Parque Ferrol.

Organizada por ACLAD Alborada e a Asociación CyES, a iniciativa nace para visibilizar unha realidade que continúa presente entre a mocidade: situacións de exclusión, agresión e violencia entre iguais, promovendo como alternativa o bo trato, o respecto e as relacións saudables.

A mostra enmárcase no programa Haters&Lovers, un proxecto de prevención, detección e intervención fronte á violencia entre nenos, nenas e adolescentes, subvencionado pola Consellería de Política Social e Igualdade.

A exposición é o resultado do TAFOS (Taller de Fotografía Social), un proceso participativo no que adolescentes de entre 13 e 17 anos reflexionaron sobre as súas experiencias arredor da violencia e do bo trato. A través do diálogo, do pensamento crítico e da creación artística, as persoas participantes deseñaron e protagonizaron unha serie de fotografías que presentan dúas caras dunha mesma situación: o mal trato e a súa alternativa baseada no respecto e no coidado.

O resultado é unha mostra visual, pedagóxica e accesible composta por imaxes dobres que convidan a observar, comparar e reflexionar sobre o papel que cada persoa desempeña nas relacións cos demais e na construción de espazos seguros e libres de violencia.